O plan de asfaltado expándese polas parroquias de Sanxenxo

Sanxenxo
04 de xuño 2023

Los trabajos arrancaron en Infantería da Mariña en Baltar y A Florida a finales de la semana pasada

Traballos de asfaltado en Sanxenxo
Traballos de asfaltado en Sanxenxo

O plan de asfaltados do Concello de Sanxenxo avanza a bo ritmo polas parroquias do municipio. Os traballos deron comezo a finais da semana pasada en Infantería da Mariña en Baltar e na contorna da Florida.

Ao longo desta semana as tarefas centráronse nos viais de O Cruceiro-Campo de San Pedro (Vilalonga), O Carballo-Peai (Vilalonga), A Bouza-A Lomba (Vilalonga), Carballal (Vilalonga), Os Cotos-Paradela (Padriñán) e A Costa-A Granxa (Padriñán). Aos asfaltados seguirán os pintados coa sinalización horizontal.

Nos próximos días continuarase en Nantes co asfaltado de O Santo-Xunqueiriña-parque empresarial, Reis-Cachadelos (Padriñán) e A Laxe-Punto Limpo (Padriñán).

O total de actuacións abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúen tamén a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados na zona. Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade do vial destas estradas ao actuar no seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais, as obras consisten en aplicar unha capa de rodadura e unha regulación do firme nos tramos necesarios.

En función das características de cada vial, séguense unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme. Así, nun total de 10 pistas contempladas no proxecto realízase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira-Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela e A Costa- A Granxa. Outros tres tramos necesitan que se lles aplique un tratamento especial no firme, como son as bandas transversais para a redución de velocidade no vial Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro- Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.