O Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín será aprobado este xoves no pleno

Marín
19 de abril 2022

A redacción deste documento, financiada con fondos europeos, inclúe proxectos que transformarán a conexión entre en centro urbano e o rural, así como o sistema de transporte e a fisionomía das rúas da vila

Ao fondo, a escultura Capela Solis no Paseo alcalde Blanco
Ao fondo, a escultura Capela Solis no Paseo alcalde Blanco / Concello de Marín

O pleno de Marín dará luz verde este xoves a aprobación inicial do Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín (PMUS), unha ferramenta de planificación e un instrumento de concienciación para os cidadáns e as administracións, “que nos permite ter claras cales son as prioridades en materia de mellora urbana de Marín”, explicou a alcaldesa, María Ramallo.

O Plan susténtase en tres grandes piares. En primeiro lugar está a mellora da mobilidade urbana, apostando pola sustentabilidade e o fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta.

O segundo punto céntrase na mellora da conexión entre o casco urbano e o medio rural, tan poboado en Marín e cunha vitalidade económica e social moi elevada.

O terceiro consiste na posta en marcha de proxectos de mellora urbana no centro, que permitan renovar rúas e apostar por un urbanismo máis adaptado ás directrices da mobilidade urbana sostible.

“Temos as ideas, temos a análise e tamén moitos proxectos madurados e estudados”, explica a alcaldesa. "Agora, temos que seguir traballando para acadar financiación e marcar as prioridades e os prazos, para así seguir configurando un Marín mellor, máis avanzado e moderno”, remata.

O documento inicial xa foi presentado á cidadanía nunha xornada de participación organizada no Museo Torres.

O pleno aprobará este documento, cuxa redacción foi realizada con cargo á Estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, para que despois sexa exposto ao público durante un prazo de 30 días hábiles, a contar desde a súa publicación no taboleiro de anuncios, no portal de transparencia e no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.