O Plan Móvese da Deputación investirá 4 millóns de euros nas estradas da provincia

Pontevedra
17 de novembro 2016

Este plan será presentado o vindeiro martes 22 de novembro no marco as xornadas Seguranza viaria nas estradas. Métodos de redución de velocidade que organiza a Deputación, ás que están convidados alcaldes, concelleiros, técnicos e policías locais, ademais de entidades como colectivos ciclistas ou ANPAS, todos eles vencellados coa mobilidade

Obras nunha estrada provincial
Obras nunha estrada provincial / Concello de Bueu

Ata catro millóns de euros investirá a Deputación de Pontevedra no marco do Plan Móvese, un programa de mellora da seguridade na rede de estradas provinciais.

Este plan será presentado o vindeiro martes 22 de novembro no marco as xornadas Seguranza viaria nas estradas. Métodos de redución de velocidade que organiza a Deputación, ás que están convidados alcaldes, concelleiros, técnicos e policías locais, ademais de entidades como colectivos ciclistas ou ANPAS, todos eles vencellados coa mobilidade.

Esta data foi elixida, segundo explicou César Mosquera, dado que o vindeiro domingo celebrarase o Día Mundial en lembranza das vítimas de violencia viaria.

"Na Deputación queremos facer un esforzo de asesoramento para avanzar na seguranza viaria e na aposta por unha mobilidade sustentable na provincia, porque boa falta fai", explicou o vicepresidente provincial.

Pontevedra conta cunha das "peores" redes viarias do Estado, asegurou Mosquera. "A Deputación ten 1.700 quilómetros de vías e quere actuar nelas e asesorar aos concellos", destacou.

O vicepresidente subliñou que é preciso afondar na nova concepción da mobilidade que aposta polo calmado do tráfico como fórmula para reducir a sinistralidade e o número de vítimas, polo que o departamento dirixido polo deputado Uxío Benítez pretende achegar á cidadanía o traballo doutros organismos implicados na materia.

Así, nas xornadas do vindeiro martes estará presente a presidenta de Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, que falará dende a visión da ONG (recoñecida de utilidade pública e fundada por familiares e amigos de vítimas de accidentes de tráfico) sobre as medidas urxentes e necesarias para loitar contra a violencia viaria.

Tamén participará o xefe de área de Xestión da Mobilidade da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Pedro Tomás Martínez, quen dará a coñecer o tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade que a DXT quere aplicar en todas as travesías do estado español nun curto espazo de tempo.

Así mesmo, tamén asistirá ás xornadas o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, quen falará da experiencia de Pontevedra coa palestra exposta no congreso Cidades que Camiñan celebrado en Torrelodones o pasado mes de outubro, aportando datos cuantitativos que reflicten a clara relación entre o calmado do tráfico e a redución do número de sinistros. 

Finalmente, o responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, presentará as actuacións que se realizarán nos concellos da provincia ao abeiro do Plan Móvese, que consisten na instalación de pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos de velocidade de vehículos e instalacións de zonas 30 nas estradas provinciais.