O pleno aproba a petición dunha comisión de investigación do accidente do tren Alvia

Pontevedra
29 de agosto 2016

A moción foi presentada polo BNG en nome da Plataforma das vítimas do accidente e contou co apoio de Marea Pontevedra e de Ciudadanos. O PP e o PSOE abstivéronse

Pleno municipal de Pontevedra - agosto 2016
Pleno municipal de Pontevedra - agosto 2016 / Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra aprobou no pleno da corporación a moción na que se pide ao Goberno a apertura dunha comisión de investigación do accidente do tren Alvia en Santiago que se saldou con 81 persoas falecidas e máis de 140 feridos. 

Esta moción foi presentada polo BNG en nome da plataforma das vítimas que tenta que se reabra o caso despois de que a Axencia Ferroviaria Europea puxera de manifesto a invalidez e a falta de independencia da investigación do accidente que levou a cabo a comisión de accidentes ferroviarios por encargo do Goberno español.

Neste caso, na moción lida pola concelleira nacionalista Anabel Gulías facíase referencia a que ningún responsable político dimitiu por este sinistro e algúns deles foron premiados con mellores cargos dos que tenian no momento do accidente. Tamén se denuncia que o presidente da Xunta recibiu ás vítimas con antidisturbios e que a Xustiza leva máis dun ano parada en relación a este caso.

Por parte do portavoz do grupo municipal socialista, Agustín Fernández, esta proposta é unha "sobreactuación con cheiro preelectoral" e apuntou que non é o momento de tratar este tema polo pleno da corporación de Pontevedra e convidou ao BNG a retiralo.

Desde as filas do Partido Popular, Jacobo Moreira indicou que a comisión que se estaba solicitando xa fora rexeitada nos parlamentos, tanto no galego como no español. 

Ambas as agrupacións abstivéronse neste punto. O BNG, Marea Pontevedra e Ciudadanos apoiaron a moción que foi aprobada con 13 votos a favor. Entre o público asistente ao pleno atopábase Carlos Vázquez, un dos representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia en Galicia.