O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este venres, 9 de decembro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se acordou aprobar o novo proxecto de ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, valorado en 1.108.322 euros
A proposta contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, coa abstención do PP e en contra do PSOE.
O Concello de Bueu tivo que proceder á revisión deste proxecto, despois de que a empresa que resultara adxudicataria renunciase á execución da obra ante o importante incremento dos custes dos materiais de produción. Xa nunha sesión plenaria a finais de novembro se acordou rescindir este contrato e inmediatamente se solicitou a revisión do proxecto por parte do equipo técnico redactor.
Agora, co novo proxecto nas mans, enviarase a documentación á Deputación de Pontevedra para que poida valorala e dar o visto e prace, dado que a actuación se financia con fondos do Plan Reacpon e do Plan Concellos 2022.