O pleno da Deputación aproba o cambio no modelo de conservación das estradas provinciais

Pontevedra
27 de outubro 2017

O deputado responsable do servizo de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou esta proposta "que vai supoñer un importante aforro para esta casa"

Instalacións do Parque de Maquinaria na Xunqueira de Alba
Instalacións do Parque de Maquinaria na Xunqueira de Alba / PontevedraViva

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de conservación da súa rede viaria, que supón un cambio no modelo que ata agora viña aplicando.

O deputado responsable do servizo de Mobilidade, Uxío Benítez, presentou esta proposta "que vai supoñer un importante aforro para esta casa".

Segundo precisou o deputado nacionalista, ata agora a Deputación levaba a cabo o mantemento das estradas a través das brigadas e o parque de maquinaria, pero tamén contratando individualmente distintas obras ou actuacións "con contratos que non estaban ben dimensionados e non eran operativos" e que, segundo apuntou, dificultaban a planificación dos traballos.

A proposta aprobada pola administración provincial, cos votos do Partido Socialista e o BNG, expón unha división territorial da provincia en tres zonas: norte, centro e sur. As obras externas executaranse mediante un único contrato administrativo por un orzamento anual de 3,9 millóns de euros e cunha duración de catro exercicios, o que implica un investimento de preto de dezaseis millóns ata o 2021.

O que se aprobou no pleno foi o novo contrato que inclúe unha serie de actuacións programadas, como a realización de dúas campañas de rozas ao ano ou o repintado de marcas viarias cada catro.

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, criticou que este contrato supón unha "privatización" dos servizos do Parque de Maquinaria un aspecto que negou o deputado Uxío Benítez quen asegurou que "seguirán facendo, igual que ata agora, pequenas actuacións de mellora" ademais de atención ás emerxencias.

"Herdamos un parque de maquinaria arbitrario, estamos a reordenalo", defendeu o portavoz socialista David Regades. Tamén apuntou que no goberno provincial "respectamos a todos os funcionarios" e adiantou que "estamos a facer todos os estudos para buscar un novo emprazamento" para a sede do parque que agora ocupa unha concesión de costas en terreos protexidos da Xunqueira de Alba, en Pontevedra.

Os deputados do PP votaron en contra da proposta e o deputado da coalición Son-Marea abstívose.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, participou no debate para lamentar as declaracións dos representantes comarcais do sindicato Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa, nas que cualificaron de "sinvergüenzas políticos" a Carmela Silva e ao vicepresidente César Mosquera por ser "traidores á causa da esquerda política de Galicia" ao presentar esta reorganización do servizo de mobilidade.

Carmela Silva defendeu a "transparencia, equidade, cumprimento da legalidade" e o tratamento igualitario que supoñerá o novo sistema hoxe aprobado "en contra do que ocorría antes".