O pleno extraordinario do Concello de Cerdedo-Cotobade deu o visto bo á sinatura de dous convenios coa Deputación de Pontevedra para proceder á mellora dos viais EP-0405, a estrada de Almofrei, e o EP-7102 en Quireza, nos tramos entre Serrapio e Portela.
No caso da estrada de Almofrei suporá un investimento dun millón de euros e o Concello terá que aportar uns 300.000 euros para poder afrontar de xeito definitivo a obra de ensanche e mellora así como a humanización do trazado dando así resposta a unha reivindicación histórica da veciñanza desta parroquia.
No tocante á EP-7102, en Quireza, o tramo entre Serrapio e Portela terá un investimento aproximado de medio millón de euros e o Concello terá que facerse cargo nesta obra de ensanche e mellora da seguranza varia do custe das expropiacións que se teñan que realizar.
Ademais aprobouse o expediente de licitación do contrato de concesión de obra pública para a redacción do proxecto, direción facultativa, construción, equipamento e explotación da residencia e centro de día para persoas maiores, que se ubicará en Carballedo.
O investimento será de 3,8 millóns de euros, ademais do custe do mobiliario e a urbanización da parcela onde se vai a construir este centro xerontolóxico. O Concello fará unha aportación económica valorada en 750.000 euros e que están xa consignados nos orzamentos municipais.
A corporación municipal gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente do autobús ocurrido o pasado sábado na parroquia de Pedre, antes de comezar a sesión plenaria.