O Pleno de Barro ratificará o reparto de áreas do goberno bipartito BNG-PSOE

Barro
02 de xullo 2015

"Fomentar a participación cidadá", segundo declarou o alcalde, Fernández Abraldes, é o principal obxectivo para un mandato que estará condicionado polo gran endebedamento das arcas municipais

Momento da votación de Abraldes como novo alcalde de Barro
Momento da votación de Abraldes como novo alcalde de Barro / PontevedraViva

Cun forte apretón de mans o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes e o socialista José Sanmartín, selaron este mércores o pacto de goberno no concello de Barro.

"Fomentar a participación cidadá", segundo declarou o alcalde, Fernández Abraldes, é o principal obxectivo para un mandato que estará condicionado polo gran endebedamento das arcas municipais.

O reparto das áreas de goberno que será ratificado no primeiro pleno, previsto para o venres ás 21 horas, contempla para o BNG, que ademais da alcaldía Abraldes sexa responsable do resto de áreas de goberno, entre as que están Urbanismo, Persoal e Facenda. O alcalde gozará da única dedicación exclusiva, percibirá 30.000 euros brutos ao ano, uns 1.600 euros ao mes. Roberto Rivas será o segundo tenente alcalde e farase cargo de Cultura, Festas, Patrimonio e Medio Rural; Amelia Cancela, xestionará Benestar Social, Educación e Sanidade, e finalmente Antonio Giráldez farase cargo de Deportes.

En canto ao PSdeG-PSOE, José Sanmartín será o primeiro tenente de alcalde e asume as áreas de Obras e Servizos, mentres que Lía Rodríguez encargarase de Promoción Económica, Emprego e Turismo.

Só haberá soldo para o alcalde. Por asistencia aos plenos os concelleiros cobrarán 100 euros, por comisión de goberno, 50 euros; e por comisión informativa, 30 euros.

O novo goberno local está programando unha rolda de contactos con todas as asociacións culturais e veciñais para poñer en marcha as comisións parroquiais e entre os seus principais obxectivos figuran recuperar a xestión pública do mercadiño e o proxecto da rotonda na PO-550.