O pleno de Bueu aproba definitivamente a ordenanza de terrazas

Bueu
07 de marzo 2023

Ademais saíron adiante o nomeamento dun camiño público en Coumiñán, a aprobación da segunda licitación do expediente de reforma da biblioteca e unha declaración institucional polo Día Internacional das Mulleres

Pleno do Concello de Bueu
Pleno do Concello de Bueu / Concello de Bueu

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, na que foi aprobada definitivamente a ordenanza de terrazas, que substitúe á do 2012 e que quedara rapidamente obsoleta ao xurdir novos espazos públicos, como rúas peonís ou o caso da céntrica Praza Massó.

Tamén saíron adiante varios temas como a aprobación do expediente de contratación da obra de reforma e ampliación da biblioteca Torrente Ballester na segunda licitación, e a declaración de natureza pública do Camiño de Coumiñán.

Ademais, por unanimidade, aprobouse unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Nela móstrase a preocupación ante o aumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres, a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. 

Así mesmo,a declaración avanza "o firme compromiso para continuar, dentro das nosas competencias, a promover accións e proxectos que fomenten a igualdade e, concretamente, a iniciar nos próximos meses os trámites necesarios para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres".