O pleno de Cuntis saca a concurso a remodelación do vial do polígono da Ran

Umia
10 de maio 2019

O proxecto entrará de forma inmediata en fase de licitación e as obras comezarán tan pronto como conclúa este período, que desde o goberno local estiman que será aproximadamente dun mes

Polígono industrial da Ran, en Cuntis
Polígono industrial da Ran, en Cuntis / Concello de Cuntis

O polígono industrial da Ran segue dando pasos no seu desenvolvemento. O pleno extraordinario de Cuntis aprobou este venres o expediente de contratación para a remodelación integral do vial que atravesa o parque industrial. O proxecto entrará de forma inmediata en fase de licitación e as obras comezarán tan pronto como conclúa este período, que desde o goberno local estiman que será aproximadamente dun mes.

Cun orzamento superior ao medio millón de euros procedente dunha subvención da Deputación Provincial, a obra consiste nunha mellora completa da estrada. Repoñerán o asfalto, construirán beirarrúas, instalarán novas luminarias e mobiliario urbano. Unha actuación integral que se enmarca no obxectivo do executivo cuntiense de revitalizar o polígono da Ran como un polo de investigación e innovación tecnolóxica.

De forma paralela, desde o Concello seguen negociando coa Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) para impulsar o plan de viabilidade económica do polígono e cos propietarios de parcelas limítrofes para a construción dun novo vial

O anuncio atópase colgado no perfil de contratos do Estado.