O pleno de Marín apoiará a petición de indulto para Ana e Tamara

Marín
24 de maio 2014

Unha das condenadas, Ana González Outerelo, é veciña de Marín e xa mantivo dúas reunións coa alcaldesa María Ramallo, que considera que a sentenza resulta esaxerada

Tamara e Ana
Tamara e Ana / Mónica Patxot

O próximo pleno do Concello de Marín debaterá sobre a moción que presenta o grupo de goberno do Partido Popular sobre a solicitude de indulto para as traballadoras das piscinas de Campolongo, Ana González Outerelo e Tamara Vidal García, condenadas a tres anos de prisión ao ser consideradas pola Audiencia Provincial autoras da vertedura dun colorante na piscina de Ponte Muíños durante un conflito laboral.

Ana González Outerelo é veciña de Marín e foi recibida xa en dúas ocasións pola alcaldesa María Ramallo que intentará obter o apoio unánime de todos os integrantes da Corporación coas dúas traballadoras para remitir o acordo plenario ante o Ministerio de Xustiza para que poida decretar o indulto das dúas mozas.

Nos últimos días, as dúas afectadas mantiveron reunións tamén co presidente da Deputación, Rafael Louzán e co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que mostraron o seu apoio ás dúas traballadoras.