O pleno de marzo volverá debater as dedicacións exclusivas do PP ante a indignación de Jacobo Moreira

Pontevedra
17 de marzo 2014

O voceiro do goberno municipal, Raimundo González, indica que se realizase para "evitar triquiñuelas do PP". Nas filas populares, Jacobo Moreira di que Lores "nin se molesta en consultar os técnicos municipais sobre as súas decisións"

Pleno municipal
Pleno municipal / Mónica Patxot

O goberno local volve levar a pleno a moción das dedicacións exclusivas do Partido Popular para, segundo expuxo o voceiro municipal Raimundo González, "evitar triquiñuelas do PP e validar este acordo" que se aprobara no anterior pleno.

Os técnicos municipais, segundo recoñeceu o concelleiro, aconsellaron que se volvese tratar no pleno de marzo "porque pode haber unha abertura".

Dende o Partido Popular, Jacobo Moreira indica que con esta decisión, "o alcalde intenta xustificar a burla ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia" cunha patética teoría sobre a quen debe elixir Moreira para percibir as dedicacións exclusivas". Segundo indica, esta decisión adóptase para castigar á oposición municipal por criticar un novo soldo no seo do equipo de goberno, aprobada en xullo de 2012 e sinala que Fernández Lores mantén unha actitude de soberbia, que lle leva a adoptar unha "hipócrita proposta para manter a situación actual, con Moreira como único edil do PP con dedicación exclusiva" en lugar de restituír os soldos dos concelleiros.

Segundo os populares, o traslado da moción outra vez a pleno débese a que o alcalde a redactou de forma precipitada e sen o axeitado asesoramento técnico. O resultado é que o pleno municipal terá de novo que debater" a fraude deseñada" "para saltarse o cumprimento dunha sentenza xudicial".