O pleno de Poio aproba a modificación orzamentaria para ampliar en 12.000 euros o Fondo de Emerxencia Social

Poio
30 de setembro 2020

As previsións do goberno local son as de dedicar 70.000 euros ao departamento de Servizos Sociais durante este 2020 para axudar ás familias afectadas pola crise económica derivada da pandemia

Luciano Sobral, alcalde de Poio
Luciano Sobral, alcalde de Poio

O pleno do Concello de Poio aprobou este martes unha modiciación orzamentaria mediante o suplemento de crédito financiado inicialmente destinados á organización de eventos e festexos cancelados pola pandemia que se destinarán agora a reforzar con 12.000 euros o fondo de emerxencia social do Concello.

A concelleira responsable da área de Servizos Sociais, Rosa Fernández, explica que este departamendo dispón de fondos suficientes para seguir axudando a preto de 300 familias do municipio. "Os cartos que utilizamos para esta prestación non se están a esgotar pero estas achegas fanse de xeito periódico e continuaremos facéndoo no futuro para dar cumprimento ás necesidades das familias que se atopan nunha situación económica de risco", sinalou a concelleira.

Desde o inicio da pandemia o goberno local foi reforzando con fondos adicionais este departamento. Así, a previsión para finais de ano é superar os 70.000 euros dedicados a este fin.

O pleno acordou tamén a prórroga para o contrato de aluguer do quiosco do bar da Seca, de propiedade municipal.