O pleno de Poio aproba por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal do servizo de cemiterio

Poio
27 de abril 2022

As novas taxas non afectarán aos panteóns xa existentes, senón que só se aplicarán aos novos nichos que se habiliten grazas á ampliación do camposanto, cuxa tramitación segue avanzando. O goberno local confirma a eliminación da taxa correspondente á transmisión de nichos

Pleno do Concello de Poio
Pleno do Concello de Poio / Concello de Poio

O pleno da corporación aprobou por unanimidade na sesión ordinaria deste martes a actualización da ordenanza fiscal do servizo de cemiterio.

Trátase dun trámite que, tal e como lembra o goberno local, é un paso máis de cara a acometer a ampliación do camposanto de San Xoán.

Esta modificación, que se aplicará de xeito exclusivo aos novos nichos que se construirán no futuro, inclúe novidades importantes, como a eliminación da taxa por transmisión de nichos. 

O equipo de goberno apostou pola supresión desta cota, que levaba fixada en algo máis de 12 euros desde a anterior modificación, e que data de principios da década dos 80, como lembrou o alcalde, Luciano Sobral, durante o debate.

Os dirixentes municipais, ademais de incidir no feito de que a nova ordenanza fiscal non afectará aos panteóns xa existentes, recalcan que o que se recada a través desta ordenanza destínase exclusivamente ao mantemento do servizo. Estes custes ascenden a uns 60.000 euros e a través das taxas cúbrese aproximadamente o 14% da contía, mentres que o resto é asumido polo propio Concello.

Unha vez aprobada esta modificación, o goberno municipal segue avanzando na posta en marcha do proceso de ampliación. 

O voceiro do PP, Ángel Moldes afirmou que "sentímonos moi satisfeitos de conseguir que o tripartito rectificase e entenda que exista outra forma de facer política xa que nun pleno que pretendía subir una taxa o 100% remata coa eliminación da mesma".

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE PLUSVALÍAS

Por outra banda, o pleno tamén aprobou, grazas aos votos favorables do grupo de goberno, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza urbana, coñecida como plusvalía. 

O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, lembrou que esta actualización realízase para dar cumprimento a unha sentenza xudicial que invalida a normativa anterior. Agora, os criterios son "máis xustos" á hora de aplicar esta taxa, que contempla, por exemplo, a súa exención en caso de que non exista un incremento do valor dos terreos cando se produce un traspaso.

O goberno local lembra que esta modificación non afecta ás bonificacións existentes en Poio sobre este recibo e critica o "enésimo intento realizado polo Partido Popular á hora de confundir á cidadanía sobre a situación fiscal do municipio". 

Por último, o pleno acordou por unanimidade aprobar unha moción para impulsar unha mellora integral da pasarela de madeira de Lourido, en San Salvador.

O Concello comprométese a buscar fórmulas e a falar coas institucións pertinentes para realizar unha "actuación ambiciosa" para renovar este espazo, no que se realizan labores de mantemento de xeito regular, pero que, dada a súa antigüidade, require dunha reforma máis ampla.