O pleno extraordinario de agosto aprobará as operacións de crédito para adquirir o novo edificio municipal de emerxencias

Pontevedra
16 de agosto 2024

Na sesión tamén se aprobarán as cantidades necesarias para a posta en marcha do coche de punto e a incorporación da concelleira do PP, Raquel Martínez Lorenzo 

Unha das naves construídas na finca de Fenosa
Unha das naves construídas na finca de Fenosa

O pleno extraordinario deste mes de agosto levará na orde do día a aprobación dun crédito extraordinario e un suplemento de crédito por un montante que supera o millón e medio de euros para a adquisición do futuro edificio municipal de emerxencias que se sitúa na rúa do Camposanto. No anterior pleno xa se aprobou a adquisición e nesta próxima sesión leva a aprobación a consignación de cantidades para facer efectiva a compra.

A cantidade total corresponde a 1.200.000 euros da compra da parcela e outras tres partidas de: gastos asociados (notaría, rexistro e impostos), levantamento arquitectónico  e un estudo xeotécnico. Tras isto "iniciaremos o proceso necesario para empezar a facer obras", explicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. O futuro edificio municipal de emerxencias da rúa do Camposanto sitúase na Parda, concretamente na chamada finca de Fenosa. Suma máis de 17.500 metros cadrados con cinco naves edificadas.

Na modificación de crédito aprobada en xunta de goberno ,e que tamén irá ao próximo pleno, engádese unha partida de 80.000 euros destinados á posta en marcha do coche de punto que ten que estar operativo o 15 de outubro. Da citada cantidade 30.000 euros son para a posta en marcha e os 50.000 euros restantes son axudas para a súa prestación con taxis como coche de punto. Esta cantidade corresponde á súa operatividade no que corresponde ao último trimestre do ano.

A sesión plenaria, que terá lugar o venres 23 de agosto ás 11.00 horas, inclúe ademais a aprobación do nomeamento da concelleiro do PP Raquel Martínez Lorenzo no lugar do falecido Gerardo Pérez Puga.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora