O pleno municipal abordará a humanización integral do barrio da Seca

Pontevedra
25 de febreiro 2024

Ante o "abandono absoluto" que o PP aprecia no barrio da Seca, os populares impulsaron unha moción que se debaterá no pleno municipal deste luns para instar o goberno local a abordar unha humanización integral de todo este ámbito urbano

Rafa Domínguez e concelleiros do PP visitan o barrio da Seca
Rafa Domínguez e concelleiros do PP visitan o barrio da Seca /

Ante o "abandono absoluto" que o PP aprecia no barrio da Seca, os populares impulsaron unha moción que se debaterá no pleno municipal deste luns para instar o goberno local a abordar unha humanización integral de todo este ámbito urbano.

Este asunto, previsiblemente, será aprobado por unanimidade, xa que tanto BNG como PSdeG-PSOE, votaron a favor na comisión informativa.

O plan proposto polo PP, segundo recolle o texto desta iniciativa, reclama que se arranxen todas as beirarrúas que presentan baldosas rotas e todas as rúas que teñen fochancas, que se roce o barrio ou que se arranxen os patios comúns das casas de titularidade municipal.

Ademais, a moción pide que se limpen as rúas, que se cambien os colectores rotos, que se incremente o número de papeleiras, que se mellore as canalizacións ou que se pinten as liñas separadoras das prazas de aparcadoiro, entre outras cuestións.

O PP tamén quere instar o goberno municipal a que se retome o proxecto proposto no seu día para as cubertas da vía ferroviaria que foron cedidas por ADIF, que incluía a creación de diversas zonas de lecer e equipamento deportivo.

Os socialistas de Iván Puentes, pola súa banda, presentaron unha emenda a esta moción esixindo que tanto a Xunta de Galicia como o Concello "deixen de botar balóns fóra" e se comprometan coa urbanización e humanización do barrio".

Así, instan o goberno galego a urbanizar e recuperar para uso público as cubertas cedidas por ADIF, integrándoas no proxecto da Vía Verde entre a estación de tren de Pontevedra e o límite con Barro, actuación incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino.

Ao executivo municipal solicítanlle tamén ampliar e renovar o parque infantil do barrio e urbanizar e humanizar, segundo os estándares do resto da cidade, a rúa da Seca, desde o seu inicio ata a rúa Francisco Añón, para mellorar a seguridade peonil e ciclista.