O pleno para aprobar os orzamentos municipais de 2020 será o 7 de febreiro

Pontevedra
30 de xaneiro 2020

O orzamento de 2020 ascende a 79.336.000 euros e é, segundo Raimundo González, "o máis alto da historia" da cidade e, ao mesmo tempo, é o de maior investimento e o de menor débeda pública. "Son o reflexo dunha boa xestión económica", engadiu

Xunta de Goberno do mandato 2019-2023
Xunta de Goberno do mandato 2019-2023 / Mónica Patxot

Xa hai data para o pleno no que se aprobarán os orzamentos de Pontevedra para 2020. A sesión, segundo avanzou o edil de Facenda, Raimundo González, será o 7 de febreiro.

O orzamento de 2020 ascende a 79.336.000 euros e é, segundo González, "o máis alto da historia" da cidade e, ao mesmo tempo, é o de maior investimento e o de menor débeda pública. "Son o reflexo dunha boa xestión económica", engadiu.

O documento xa foi aprobado pola Xunta de Goberno e, tras ser entregado a todos os grupos municipais, haberá una comisión informativa o vindeiro martes 4 de febreiro na que se ditaminarán as emendas que se presenten.

66 MILLÓNS EN INVESTIMENTO

Ao mesmo tempo, Raimundo González destacou que, entre os proxectos que porá en marcha o Concello, de xeito directo ou a través de empresas concesionarias, e outras administracións como a Deputación e a Xunta, en 2020 investiranse na cidade máis de 66 millóns de euros.

Neste ano estará en marcha o saneamento en nove parroquias do rural (as da zona norte) cun orzamento superior aos 18 millóns de euros e os proxectos de abastecemento en distintos puntos do rural valorados en 14 millóns. Tamén está programado para este 2020 arranxar o bombeo de Monte Porreiro.

Entre os convenios en colaboración con outras administracións, atópase o novo acceso a Monte Porreiro dende Tafisa ata os Campos, o acordo coa Deputación para dar unha alternativa de saída á avenida de Marín por Mollavao ou o convenio coa Xunta de Galicia para a construción do novo acceso á estación de autobuses e a reurbanización da súa contorna ou a obra do Gran Montecelo.

A estas obras súmanse outros proxectos municipais como a reforma do pavillón da Once, o inicio do complexo deportivo da Parda, a mellora da accesibilidade rural e urbana, a construción de novas casas de cultura, nova iluminación pública ou a reforma de Loureiro Crespo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora