O poboado 'Tempo de Nadal' da Ferraría permanecerá aberto os días 24 e 31

Pontevedra
22 de decembro 2020

Ambas as dúas xornadas poderá visitarse ata as 19 horas e o resto dos días mantén o horario habitual: de luns a xoves de 12 a 14:30 horas e de 17 a 20:30 horas, e os venres, sábados e domingos ata as 21 horas

Poboado de Nadal na Ferrería
Poboado de Nadal na Ferrería / Mónica Patxot

O poboado 'Tempo de Nadal' instalado na praza da Ferraría desde o pasado xoves tamén permanecerá aberto os días 24 e 31 de decembro, en horario de 12 a 14:30 horas e de 17 a 19 horas ambas xornadas.

O resto dos días o poboado mantén o horario habitual de luns a xoves, de 12 a 14:30 horas e de 17 a 20:30 horas; e os venres, sábados e domingos estará aberto ata as 21 horas.

'Tempo de Nadal' está composto por 15 casetas onde as perosas visitantes poden mercar produtos típicos como decoracións de árbore de Nadal, ilustracións e felicitacións, grinaldas, xabóns naturais, coroas e centros secos, centros de mesas, papel decorativo, axendas, contos infantís ou nacementos.

Tamén se instalaron catro casetas de produtos gastronómicos vinculados co Nadal como bombóns, panettones, pandoros, polvoróns e doces típicos de Nadal. Ademais, neste poboado pódense sacar instantáneas nas distintas escenas de Nadal habilitadas na contorna da gran árbore da Ferraría.

O mercado dispón dun control de seguridade Covid en todo o recinto, que está aforado e con controis de acceso dende as catro portas. Tamén conta con alfombras hixienizantes nas entradas e dispensadores de hidroxel para as mans.

A maiores tamén son de obrigado cumprimento as distancias de seguridade e o uso de máscara.