O polígono de Tomonde e a aldea modelo de Parada, exemplos de recuperación de terras agrarias

Cerdedo Cotobade
19 de xullo 2023

Galicia conta cun total de 23 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases de desenvolvemento. O de Cerdedo-Cotobade contempla unha superficie de case 68 hectáreas repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños e o seu principal uso será a produción de mazá de sidra

Visita do conselleiro de Medio Rural, José González, ao polígono agroforestal de Tomonde
Visita do conselleiro de Medio Rural, José González, ao polígono agroforestal de Tomonde / Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia mobilizou xa preto de 9.000 hectáreas de terreos agrarios que estaban en situación de abandono a través dos polígonos agroforestais, un dos instrumentos que impulsa a lei de recuperación de terra agraria en Galicia. 

Así o destacou este mércores o conselleiro de Medio Rural, José González, nunha visita a Cerdedo-Cotobade, onde se atopa un destes polígonos.

Galicia conta cun total de 23 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases de desenvolvemento, distribuídos nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños. 

O de Cerdedo-Cotobade, un dos tres que hai na provincia de Pontevedra, contempla unha superficie de case 68 hectáreas repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños e o seu principal uso será a produción de mazá de sidra.

Ademais, nesta provincia están tamén os polígonos de Mandelos (Crecente) e de Panascos (Tomiño), ata un total de preto de 235 hectáreas.

O titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada "de forma sostible", creando actividade agrogandeira, fixando poboación e "anticipándonos aos incendios forestais".

A mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e a administración controlará en todo momento o acaparamiento de terras, con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.

A lei establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Xunto a estes 23 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas tamén en Cerdedo-Cotobade, en Mouteira-Parada.

Esta aldea conta cunha superficie de case 18 hectáreas ao redor do núcleo para dinamizar repartidas en 427 parcelas de 109 propietarios e o seu uso principal perfílase para a gandería en extensivo e a plantación de árbores para a obtención de froito

A maiores destes proxectos, Medio Rural activou unha liña de axudas de dous millóns de euros para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais.

O Concello de Cerdedo-Cotobade foi beneficiario de dúas subvencións, unha delas para crear beirarrúas na aldea, mellorar a mobilidade das persoas con mobilidade reducida e instalar unha rede de recollida e drenaxe de pluviais.

A segunda achega será para a creación dunha pequena praza empedrada e con bancos na entrada da igrexa e do cemiterio de San Pedro de Parada.