O Pont-Up Store buscará mellorar a competitividade dos proxectos empresariais nacidos na pandemia

Pontevedra
12 de setembro 2022

O encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, a Pont-Up Store, terá lugar o 23 e 24 de setembro na praza de España

Presentación da Pont Up Store
Presentación da Pont Up Store / Universidade de Vigo

O encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, a Pont-Up Store, terá lugar o 23 e 24 de setembro na praza de España e buscará mellorar a competitividade dos proxectos empresariais nacidos na pandemia.

Este luns presentouse no Concello de Pontevedra o programa de actividades nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Promoción Económica e Igualdade, Yoya Blanco; a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store.

En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 4 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, onde  un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas.

O Pont-Up Store ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. 

Dentro das actividades programadas destaca o primeiro escape room cultural ao aire libre de Galicia, unha experiencia especialmente deseñada para a cidade de Pontevedra.

O encontro ofrecerá tamén a oportunidade de facer un primeiro achegamento ás posibilidades de internacionalización ao alcance dos novos emprendementos galegos. Tamén se desenvolverán como en edicións anteriores os obradoiros de R enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás.

Este encontro de emprendemento estivo aberto á participación de empresas contistuídas nos últimos tres anos e medio, constatando os organizadores a existencia dunha serie de proxectos"a los que les faltaba un punto de madurez, derivado de estos dos años de covid-19 y restricciones", explicou Figueroa.

Isto motivou que desde a organización do evento se optase por recuperar "una serie de actividades formativas" sobre cuestións "como la viabilidad económica, el marketing, las ayudas y subvenciones o las fórmulas de cooperativismo".

Por último, Yoya Blanco destacou que preto do 80% dos proxectos presentados á Pont Up Store están liderados por mulleres. A isto súmase que tan só hai 20 homes entre os 70 relatores participantes nas diferentes actividades.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora