O pontevedrés Alfonso Rueda faise forte na Xunta cunha Vicepresidencia

Pontevedra
02 de decembro 2012

Seguirá asumindo a consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que ocupou no último mandato. Hai quen apunta a que, ao igual que fixo Fraga con el, Feijóo estaría a reforzar a Rueda como o seu sucesor. Só cambia un conselleiro, Francisco Conde sustitúe a Guerra en Economía

O pontevedrés Alfonso Rueda Valenzuela faise forte na Xunta de Galicia. O reelixido presidente, Alberto Núñez Feijóo, deulle a Vicepresidencia do novo Goberno galego presentado este domingo 2 de decembro.

Alfonso Rueda xa era na anterior lexislatura man dereita de Feijóo tanto no PPdeG coma no Goberno e de cara aos catro anos decidiu seguir creando a súa aposta firme unha Vicepresidencia ex profeso para el.

O pontevedrés seguirá asumindo, ademais a consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que ocupou no último mandato, seguindo os pasos das responsabilidades que xa tivo Feijóo durante o último mandato de Manuel Fraga na Xunta, no que era man dereita do presidente, vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Hai quen apunta a que, ao igual que fixo Fraga con el, Feijóo estaría a reforzar a Rueda como o seu sucesor.

A aposta de Feijóo por Pontevedra no seu novo Goberno xa deixouse ver na configuración das listas electorais do 21-0, ao encabezar el mesmo a candidatura pola provincia e incluír en postos de saída a catro dos seus entón conselleiros: Presidencia (Alfonso Rueda), Medio e Infraestruturas (Agustín Hernández), Economía e Industria (Javier Guerra) e Facenda (Elena Múñoz).

Na configuración do novo Executivo segue esta aposta, se ben cae da lista o vigués Javier Guerra, ao que dá relevo na carteira de Economía e Industria o monfortino Francisco Conde. Na última lexislatura era un asesor próximo a Feijóo.

A constitución do novo Goberno galego deuse a coñecer de forma oficial este domingo. Feijóo asinou no Pazo de Raxoi o decreto de estrutura da nova Xunta, na que mantén oito consellerías, e deu a coñecer o nomeamento dos seus membros.

Agustín Hernández (lalinés afincado en Pontevedra) repite en Medio, Territorio e Infraestruturas; Elena Muñoz (nacida en Madrid e radicada en Vigo) en Facenda; Jesús Vázquez en Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Rosa Quintana en Medio Rural e Mar; Beatriz Mato en Traballo e Benestar; e Orballo Mosquera en Sanidade.