O pontevedrés Constantino Méndez, "ministro" de Defensa durante unhas horas

Pontevedra
06 de xuño 2018
Actualizado: 19:26

O seu nome chegou a ser confirmado por fontes próximas á Moncloa e así foi publicado por todos os medios nacionais, incluído PontevedraViva. Pero finalmente o pontevedrés Constantino Méndez non será o novo ministro de Defensa. O seu "nomeamento" durou apenas unhas horas

Constantino Méndez
Constantino Méndez / Ministerio de Defensa

O seu nome chegou a ser confirmado por fontes próximas á Moncloa e así foi publicado por todos os medios nacionais, incluído PontevedraViva. Pero finalmente o pontevedrés Constantino Méndez non será o novo ministro de Defensa.

O seu "nomeamento" durou apenas unhas horas. Foi ata que, preto das sete da tarde, desvelouse que Margarita Robles -á que todas as fontes apuntaban como ministra de Xustiza- será quen se encargue deste departamento.

Defensa ten en Pontevedra dous grandes centros de referencia: o cuartel da Brilat e a Escola Naval de Marín.

A opción de Constantino Méndez, que coa socialista Carme Chacón á fronte deste ministerio ocupou o cargo de secretario de Estado de Defensa entre 2008 e 2011, fora moi ben acollida en Pontevedra. 

Aínda que naceu en Pontecesures, Méndez sempre foi unha persoa moi vinculada coa cidade de Pontevedra, onde aínda reside a súa familia. Está casado e ten tres fillos. Foi, ademais, deputado do PSOE no Congreso en 1993.

Licenciado en Dereito e funcionario do corpo técnico da administración da Seguridade Social, foi tamén director xeneral do Instituto Social da Mariña de 1983 a 1987 e do Instituto Nacional da Seguridade Social entre 1987 e 1997.

No último Goberno de Felipe González, entre 1994 e 1996, foi secretario de Estado para as Administracións Públicas. Outro presidente socialista, José Luis Rodríguez Zapatero, volveu darlle un destino de responsabilidade política e fíxoo delegado do Goberno en Madrid entre 2004 e 2006, antes de marchar como número 2 de Chacón a Defensa.