O pontevedrés Eduardo Esteban defenderá nun congreso en Sevilla a galeguidade de Colón

Pontevedra
09 de novembro 2017

O primeiro Congreso Internacional sobre a Exposición Iberoamericana vai celebrarse en maio de 2018 e foron aceptadas dúas ponencias nas que se van aportar argumentos sobre a orixe galega de Cristóbal Colón, defendidas por Carlos Gegundez e Eduardo Esteban Meruéndano

Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego
Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego / EZAROEDICIONES

O presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, o pontevedrés Eduardo Esteban Meruéndano, será o encargado de publicar e expoñer un relatorio sobre a orixe galega de Cristóbal Colón no primeiro Congreso Internacional sobre a Exposición Iberoamericana que se celebrará en maio de 2018 en Sevilla. 

O seu relatorio será a segunda que nesta cita expoñerá a tese que defende a galeguidade de Colón. A outra intervención corresponde ao investigador e xornalista Carlos Gegúndez López, autor do libro 'De La Habana a Pontevedra. Tras los pasos del Colón Gallego', un traballo que será presentado pola Asociación no Centro Galego da Habana o vindeiro xoves 30 de novembro. Carlos Gegúndez publicara en PontevedraViva unha exposición sobre a súa teoría acerca da procedencia do descubridor de América.

Para Eduardo Esteban a aceptación destes dous relatorios sobre a teoría do Colón Galego nun marco desta magnitude e nunha cidade que é xenovista supón todo un acontecemento. Ao longo de 2018 espérase que finalicen todas as análises do ADN dos restos de Colón e póidase esclarecer o misterio sobre a procedencia do navegante. 

A Asociación Cristóbal Colón Galego agarda que eses resultados poidan descartar as outras opcións que se manexan sobre a orixe da figura máis relevante durante a época dos descubrimentos como son a da súa procedencia de Guadalaxara, Mallorca, Portugal e a máis difundida, a do seu nacemento en Italia.