O Porto de Marín pecha o 2020 cunha caída do 15 % nos seus tráficos

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

O transporte de froita foi o máis prexudicado pola crise sanitaria, mentres que a pesca fresca, os cereais e os compoñentes eólicos experimentaron crecemento

Porto de Marín
Porto de Marín / Mónica Patxot

O Porto de Marín pecha o exercicio 2020 cun movemento total de 2.100.000 toneladas. A pandemia, que afectou á actividade portuario ao longo de todo o ano, motivou que os tráficos caesen un 15 % con respecto ao período anterior.

Informan desde a Autoridade Portuaria que a caída se debe á actual crise sanitaria, que repercutiu de forma directa en case todos os transportes, pero principalmente ás operacións de froita. 

As mercadorías que mellor resistiron foron as relacionadas con produtos esenciais para os mercados, como os graneis agroalimentarios onde os cereais e as súas fariñas crecen un 7% ou a pesca. Dentro dela destaca o crecemento dun 10% da pesca fresca cun incremento tamén do 17% no valor de primeira venda. 

No capítulo de mercadoría xeral crece significativamente o apartado de aparellos, ferramentas e maquinaria, no que se integran os compoñentes eólicos e o peixe conxelado.