O Porto de Marín rexistra un crecemento do 18,7% no primeiro cuadrimestre do ano

Pontevedra
15 de maio 2024

Entre xaneiro e abril movéronse xa polo porto preto de 800.000 toneladas de mercadoría, tanto de importación como de exportación, segundo os datos ofrecidos este mércores pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra

Porto de Marín
Porto de Marín / Autoridade Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

Os datos estatísticos provisionais referidos ao tráfico de mercadorías no Porto de Marín durante os catro primeiros meses de 2024 lanzan un crecemento do 18,7% con respecto ao mesmo período do ano anterior. 

Entre xaneiro e abril movéronse xa polo porto preto de 800.000 toneladas de mercadoría, tanto de importación como de exportación, segundo os datos ofrecidos este mércores pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.

Por grupos de mercadoría, destaca o aumento dos graneis sólidos que crecen un 37% con importantes incrementos nos capítulos de pensos e forraxes e no de madeiras e cortizas.

A mercadoría xeral convencional (non contenerizada) tamén experimenta un crecemento do 11%, destacando os capítulos de material de construción, madeira e pasta de papel.

En canto ao número de buques que atracaron en porto entre xaneiro e abril, rexístrase unha subida do 32% con respecto ao mesmo período de 2022.