O positivo dun operario que traballou con persoal asistido desata a alerta na Residencia de Maiores de Campolongo

Pontevedra
08 de setembro 2020

Desde o comité de empresa indican que se están mantendo todos os protocolos de seguridade neste centro. Fontes de UGT afirman que nas últimas horas só está a traballar o 30% do cadro de persoal debido a que auxiliares de enfermería e unha camareira tiveron casos positivos no seu ámbito familiar

Residencia de Maiores de Campolongo
Residencia de Maiores de Campolongo / Mónica Patxot

A consellería de Política Social confirma que unha planta da Residencia de Maiores de Campolongo se atopa illada porque nas últimas horas un traballador deu positivo nunha das probas e sinala que se vai a someter a PCRs tanto ao persoal como aos situados nesta planta.

Trátase da planta de Persoal Asistido, usuarios que precisan dunha especial atención. O operario que deu positivo contaxiouse no seu ámbito familiar e realizaba unha substitución durante uns días como auxiliar de Enfermería, escollido a través das listas de contratación da Xunta de Galicia.

Dina Porral, secretaria do comité de empresa, sinala que esa planta leva nese estado de illamento desde que comezou a pandemia e que se cumpren todos os protocolos a diario para atender aos usuarios ao tratarse de persoas con patoloxías previas.

"Tomáronse as medidas oportunas", segundo a información que a delegación de Política Social transmitiu ao comité de empresa, sinalan. Vanse realizar as probas, pero non hai ninguén en corentena especial porque non se produciu contacto directo algún entre a persoa que ofreceu resultado positivo cos usuarios, afirma Dina Porral.

"Hai preocupación porque hai brotes en toda Galicia", apunta a representante sindical da CIG na Residencia de Maiores de Campolongo, pero indica que non están especialmente tensos por este caso.

Desde UXT van máis aló. Apuntan a que durante a xornada do luns só o 30% do persoal da Residencia se atopaba operativo porque o 70% decidiu asumir a corentena ao producirse casos positivos nos seus ámbitos familiares. Esta situación afectou tanto a auxiliares de Enfermería como a persoal da cociña. Fontes sindicais confirman que tres operarios foron os encargados de facer fronte a todos os residentes do centro. Este martes, a Xunta remitiu catro traballadores máis para cubrir aos profesionais que se atopan en corentena. 

Este sindicato indica que os operarios están a afrontar grandes cargas de traballo sen que desde Política Social se amplíe o cadro de persoal para responder con garantías perante esta nova onda de casos Covid-19 en Galicia.