O PP acusa á Deputación de ripar medio millón de euros a Cerdedo-Cotobade na repartición de fondos do Plan Concellos

Pontevedra
22 de febreiro 2022

O portavoz popular e alcalde deste municipio, Jorge Cubela, denuncia que o goberno provincial non tivo en conta a particularidade destes dous concellos fusionados á hora de repartir os fondos do Plan Concellos. Argumentan desde o PP que a lei di que deben seguir recibindo as mesmas cantidades coma se aínda fosen independentes

Jorge Cubela, portavoz do PP na Deputación de Pontevedra
Jorge Cubela, portavoz do PP na Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra que manteña para Cerdedo-Cotobade as mesmas cantidades do Plan Concellos que viña percibindo e que, como concello fusionado e atendendo á Lei reguladora das bases de réxime local, correspondería ao que percibirían os dous concellos por separado. 

O voceiro popular e alcalde do municipio afectado, Jorge Cubela, denuncia que a Deputación de Pontevedra decidiu cambiar as bases do plan e eliminar a singularidade de Cerdedo-Cotobade, unha decisión que supón a redución dos ingresos deste concello en 250.000 euros anuais, 500.000 euros entre 2022 e 2023. "É unha cifra moi importante e fundamental para o plan de emprego, para investimentos, para a mellora de servizos e a organización de actividades”, defende o rexedor.

Así o reclamarán no pleno ordinario deste venres, no que os populares defenderán unha moción para que o Goberno provincial reconsidere este posicionamento e aprobe unha modificación de crédito que complete a cantidade que lle correspondería ao concello resultante da fusión. Como exemplo, os populares refírense ao caso de Oza-Cesures, na provincia da Coruña, que a pesar de fusionarse antes, a Deputación da Coruña aínda lle recoñece a súa singularidade. 

Cubela recorda que xa no 2017, Cerdedo-Cotobade tivo que enviar un escrito á Deputación de Pontevedra para denunciar que nas bases dese ano non se vía reflectida a cantidade que lle tocaría aos dous concellos por separado. “Desde o principio este Goberno amosou o seu rexeitamento á fusión de Cerdedo-Cotobado, pero o tempo demostrou que foi unha decisión boa e con importantes vantaxes para os veciños dos dous concellos. Pero tamén puxo en evidencia a falta de coherencia dos socialistas, que aquí buscan a confrontación permanente por riba dos intereses da cidadanía, mentres en Don Benito e Villanueva de la Serena promoveron a fusión”.

Por último, o popular di que “non se trata de pedir un trato preferente, senón de manter un investimento similar ao que recibirían os dous concellos por separado e así cumprir co espírito da Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, que sinala que a fusión de concellos en ningún caso suporía unha diminución para os ingresos dos percibidos con carácter previo á fusión", resolveu