O PP acusa á Deputación de ser "cómplice" da perda dos postos de traballo en Elnosa

Pontevedra
31 de xullo 2018

O grupo provincial do Partido Popular propuxo sen éxito no pleno da Deputación que a presidenta, Carmela Silva,  interceda ante a Dirección Xeral de Costas e demais administracións con competencias na materia para evitar o peche da factoría  Elnosa en Pontevedra "e así conseguir o mantemento dos postos de traballo na provincia"

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

O grupo provincial do Partido Popular propuxo sen éxito no pleno da Deputación que a presidenta, Carmela Silva, interceda ante a Dirección Xeral de Costas e demais administracións con competencias na materia para evitar o peche da factoría Elnosa en Pontevedra "e así conseguir o mantemento dos postos de traballo na provincia".

"O único que nos importa son os postos de traballo", precisou Moldes, que engadiu que "o interese que temos nesta empresa é ningún, énos indiferente".

O portavoz popular acusou ao bipartito da Deputación de ser "cómplices da perda deses postos de traballo" por "mirar cara a outro lado" mentres se pecha a fábrica de Elnosa e porque "non está a facer absolutamente nada para fomentar o desenvolvemento económico e social nesta provincia", denunciou Moldes.

O vicepresidente César Mosquera cualificou esta moción do PP como "oportunismo de baixa estopa" e asegurou que a cloreira está en Lourizán "incumprindo todo" e que agora "queren coaccionar botando aos traballadores por diante, cando é a empresa a que non quere facer outra pranta" e asegurou que "ao final tourearon aos traballadores e estes agora danse conta de que os utilizaron".

Pola súa banda, o portavoz socialista Carlos López Font precisou que no goberno provincial "compartimos al cien por cien que queremos una ría libre de contaminación" e reprochou aos deputados do PP a "falta de rigor" por presentar esta iniciativa "sabiendo que la Deputación no tiene ninguna competencia" e co "único propósito de montar lío" polo que concluíu que é unha "oposición vacía, sin aportar nada y que provoca vergüenza ajena en sus planteamientos". 

Na súa réplica os populares contestaron que o bipartito é o "peor goberno" da historia da Deputación de Pontevedra.

Arquivado en