O PP acusa ao goberno local de "esconder" os datos sobre os residuos que envía a Sogama

Pontevedra
24 de xaneiro 2018

Os populares volven a denunciar a opacidade do BNG pasados máis de tres meses dende que solicitaron esta información que aínda non foi remitida

Jacobo Moreira, portavoz municipal do Partido Popular
Jacobo Moreira, portavoz municipal do Partido Popular / Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, denunciou este mércores que o goberno local continúa "ocultando" ao PP a cantidade de residuos que o Concello de Pontevedra remite a Sogama, datos que foron solicitados o pasado mes de outubro e aos que "tres meses despois seguimos sen ter acceso", lamentou.

"O feito de que o Concello estea a tapar estes datos deixaba intuír que non debían ser moi bos para o goberno de Lores", lembrou o portavoz dos populares que ante o silencio dos nacionalistas "viuse obrigado" a solicitar esta información a través do Parlamento de Galicia.

Deste xeito, no mes de novembro, os populares puideron avanzar que "o Concello de Pontevedra non só non reducira o envío de residuos a Sogama, senón que incluso a cantidade incrementouse durante varios meses nos últimos dous anos".

Concretamente, e poñendo como referencia os nove primeiros meses do ano, o Concello de Pontevedra enviou 45 toneladas de residuos orgánicos máis en 2017 que no mesmo período do ano anterior, 2016; e 394,94 toneladas máis que no mesmo período do ano 2015.

Ante esta situación, os populares cuestionan as afirmacións realizadas o martes polo concelleiro nacionalista e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nas que aseguraba que Pontevedra reduciu un 5% os residuos que traslada á planta de Cerceda. "Pois de ser certos, non terían inconveniente en trasladarnos os datos solicitados", argumentou Jacobo Moreira.

Ante a "opacidade" amosada polo goberno local con respecto aos datos que lle solicita o grupo popular, o portavoz dos populares volveu a solicitar a través do Parlamento de Galicia esta información a "ano pechado".

"Ata o mes de setembro os datos reflectían todo o contrario ao que onte afirmaba Mosquera; se a tendencia nos tres meses seguintes foi a mesma, a información aportada polo edil nacionalista sería unha gran mentira", concluíu Jacobo Moreira.