Os deputados populares Salomé Peña e Ángel Moldes critican o esquecemento que o goberno da Deputación ten das comarcas do Salnés e de Pontevedra nos orzamentos provinciais previstos para 2018.
Peña considera que as partidas carecen de proxectos ilusionantes en sectores estratéxicos para a comarca do Salnés e que están a se quedar atrás como é o turismo, o sector vitivinícola e o mar.
Pola súa banda, Moldes lembra ao goberno bipartito que debe centrarse nos pequenos e medianos concellos da provincia e non nas grandes cidades, como Vigo, que xa conta cun orzamento propio máis elevado que o da institución provincial.
Sinala que a Deputación está a deixar de ser unha apoio para os concellos que sofren máis dificultades e lamenta que o orzamento se teña elaborado de costas aos alcaldes e tamén aos sindicatos. Indica que segue investíndose no Plan Revitaliza, de compostaxe, que foi solicitado por cinco dos 61 concellos; ao plan de parques forestais que contou coa petición de 10 concellos ou o plan de proxectos singulares, que afecta a 25 concellos.
Moldes indica que o 80% dos beneficiados por estas partidas son concellos gobernados polo PSOE e o BNG.
Desde o Partido Popular insisten en que a presidenta Carmela Silva aínda non coñece a provincia xa que ten máis da metade dos municipios pendentes dunha visita. Por este motivo, entende que descoñece as necesidades dos concellos.
Por último, os populares pregúntanse onde se atopan os 90 millóns de axudas prometidas para as zonas afectadas polos incendios forestais ou os 70 millóns anunciados para o Plan Concellos 2018.