Os deputados provinciais do Partido Popular, Salomé Pena e Luís Aragunde, acompañaban ao portavoz local dos populares en Barro, José Antonio Landín Eirín nunha visita ao Polígono industrial.
Alí manifestaron o seu malestar pola falta de medidas que incentiven a instalación de novas empresas nestas instalacións situadas no municipio de Barro. Os tres representantes populares denuncian que a Deputación ten abandonados estes terreos e sinalan que falta limpeza e mantemento porque as silvas e os salgueiros crecen nas parcelas baleiras.
Entenden que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "non só debe recoller os froitos do traballo herdado do Partido Popular" e invitan ao goberno provincial a que realice previsións e xestione este espazo industrial para xerar emprego.