O PP acusa o Goberno de esquecerse de Pontevedra no seu balance da lexislatura

Pontevedra
03 de outubro 2019

Os deputados e senadores do grupo popular aseguran ter realizado máis de 2.500 preguntas ao Goberno, 97 sobre a provincia, sen obter resposta sobre asuntos que afectan os pontevedreses

Diego Gago, Elena Muñoz, Ana Pastor e Miguel Fidalgo en Pontevedra para facer balance da lexislatura
Diego Gago, Elena Muñoz, Ana Pastor e Miguel Fidalgo en Pontevedra para facer balance da lexislatura / PP Provincial

Os senadores e deputados do Partido Popular pola provincia de Pontevedra compareceron este xoves para facer balance da errada lexislatura que concluirá o 10 de novembro cunhas novas eleccións xerais despois de que os partidos políticos fosen incapaces de alcanzar un acordo para a formación dun goberno.

Ana Pastor, acompañada dos vigueses Miguel Fidalgo, Elena Muñoz e Diego Gago, quixo contrapoñer a inestabilidade e falta de iniciativas do goberno socialista e a intención de Pedro Sánchez de paralizar a actividade do Parlamento coas máis de 2.500 preguntas realizadas pola agrupación popular, 97 delas relacionadas coa provincia de Pontevedra.

Entre as cuestións relacionadas coa capital da provincia e a súa comarca, Pastor referiuse a dúas propostas non de lei ignoradas polo Goberno. Unha delas sobre a creación dunha titulación de Formación Profesional sobre cantería, outra para construír unha senda peonil en Poio desde A Seca a  Combarro. Tampouco foron atendidas as peticións de informes sobre a seguridade viaria, sobre a liberalización da liña ferroviaria entre Pontevedra e Vigo ou a situación da A-57.

Criticou a deputada que o Goberno se esqueceu das necesidades da provincia pero está segura de que "Pedro Sánchez volverá vir a Pontevedra en campaña".

Outros asuntos dos que falaron os populares foron a débeda que o Goberno central mantén coas comunidades autónomas que, no caso de Galicia, ascende a 700 millóns de euros ou a necesidade dunha subestación eléctrica que destine corrente de alta tensión para a factoría de PSA e as industrias auxiliares.