O PP advirte que non dará "nin un paso atrás" na súa defensa á continuidade de ENCE

Pontevedra
28 de agosto 2015

"Non podemos estar doutro lado que non sexa a defensa dos postos de traballo", sinalaron os deputados provinciais Nidia Arévalo e Anxo Moldes, tras reunirse co comité de empresa da pasteira e a Plataforma de apoio á industria na comarca de Pontevedra. "Nós témolo claro dende o minuto un", reiterou Ángel Moldes, polo que advertiu que o Partido Popular non dará "nin un paso atrás" neste asunto

Xuntanza de deputados provinciais do PP con traballadores de ENCE e empresarios
Xuntanza de deputados provinciais do PP con traballadores de ENCE e empresarios / Mónica Patxot

Se férrea é a oposición de BNG e PSdeG-PSOE á continuidade de ENCE, igual de firme parece agora a determinación do PP de defender o mantemento do complexo industrial de Lourizán. "Non podemos estar doutro lado que non sexa a defensa dos postos de traballo", sinalaron os deputados provinciais Nidia Arévalo e Anxo Moldes, tras reunirse co comité de empresa da pasteira e a Plataforma de apoio á industria na comarca de Pontevedra.

"Nós témolo claro dende o minuto un", reiterou Ángel Moldes, polo que advertiu que o Partido Popular non dará "nin un paso atrás" neste asunto. "Non temos complexo en defender a clase traballadora", dixo. Para eles, a ausencia de ENCE causaría un problema no tecido socioeconómico en Pontevedra, especialmente polos 400 empregos directos e os 4.000 indirectos nos que cifran a incidencia da empresa pasteira, "xente que traballa e gasta" na bisbarra.

Moldes afirmou que "se esta fábrica se vai, non lle vai afectar aos seus directivos, que seguirán gañando cartos noutro lugar, afectaralle ás familias de Pontevedra, a persoas con nomes e apelidos".

O voceiro do PP na Deputación lamentou que en Pontevedra "parece que todo molesta" e insistiu en que se ENCE e Elnosa cumpren coa lexislación e cos parámetros ambientais esixidos "non sei por que non van poder quedar aquí". Neste sentido, pediu aos opositores ao complexo industrial que "non manipulen ao sector do mar" porque reiterou que ENCE "non é o seu gran inimigo", senón a falta dunha aposta "seria" polo saneamento da ría.

Os populares adiantaron que presentarán no próximo Pleno da institución provincial unha moción en defensa dos postos de traballo que xera ENCE na comarca e que "se van facer unha manifestación para a súa desaparición tamén haberá unha contramanifestación a favor da súa permanencia", adiantou Moldes.

Este apoio expreso aos traballadores foi do agrado do comité de empresa, con cuxos membros se reuniron este venres os deputados do PP. No seu nome, Pedro Soto (UGT) manifestou a "tristeza e angustia" que senten cada vez que se aproxima un período electoral polos partidos políticos que "usan ENCE para obter réditos políticos", sen pensar nos elevados datos de desemprego que se rexistran en Pontevedra.

Sexa como sexa, dixo, "loitaremos con todas as nosas forzas" para defender a continuidade da pasteira, unha actitude que comparten cos empresarios que integran a Plataforma de apoio á industria na comarca de Pontevedra. O seu voceiro nesta ocasión, Cándido Farto, avanzou que apoiarán a permanencia de ENCE "a morte" e acudirán a todos os plenos onde se debata esta cuestión porque "se nos falta ENCE, perdemos unha fonte de ingresos enorme".

ROLDA DE PRENSA DO PP LOCAL

A esta ofensiva que lanza o Partido Popular tras o novo posicionamento con respecto a ENCE da deputación provincial, anunciado hai uns días por Carmela Silva, sumouse tamén este venres o grupo municipal do PP. Jacobo Moreira volveu a posicionarse a favor da continuidade da empresa na ría porque "la otra opción es seguir incrementando las cifras del paro y contribuir a hundir Pontevedra".

Nunha rolda de prensa, na que estivo acompañado polo seu compañeiro César Abal, Moreira sinalou que debido ao nivel de desemprego que hai en Pontevedra e a súa comarca "no es el momento de cerrar la fábrica", aínda que reiterou que a permanencia da pasteira en Lourizán deberá estar ligada "indiscutiblemente" a tres condicións, máis emprego de calidade, máis investimento na cidade e a máxima esixencia ambiental.

Con respecto á presidenta da Deputación, o voceiro popular cre que Carmela Silva encontrou en Miguel Anxo Fernández Lores "el cómplice perfecto para ir desmantelando Pontevedra poco a poco", xa que afirma que a intención da dirixente socialista é "mermar" o peso da cidade. "Lo dijimos desde el principio, esta presidenta viene a tratar de que Pontevedra vaya perdiendo peso y capitalidad y Vigo vaya creciendo", afirmou Moreira.

Ademais, Jacobo Moreira recordou que "desconocemos el proyecto previsto por los nacionalistas para los terrenos de Lourizán" porque apuntou que o BNG de Fernández Lores nunca presentou unha alternativa para o emprego que xera ENCE e asegurou que a postura do alcalde se enmarca no temor das "malas expectativas electorales" do seu partido ante as mareas e outras coalicións de esquerda.