O PP alerta dun aumento de botellóns e pelexas e urxe reforzar o control sobre o lecer nocturno

Pontevedra
25 de setembro 2021

 A concelleira Silvia Junco solicitará que se convoque unha reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade para abordar o "aumento de botellóns, con particular atención á zona vella", o "incremento de pelexas tras o peche dos locais de lecer nocturno", os asaltos rexistrados en locais de hostalería e os furtos en vivendas

Silvia Junco, concelleira do PP de Pontevedra
Silvia Junco, concelleira do PP de Pontevedra / Mónica Patxot

O PP de Pontevedra alertou este sábado de que na cidade xerouse nos últimos tempos unha situación de "inseguridade" que atribúe ao aumento dos botellóns na vía pública e o "consecuente aumento de pelexas" e pide que se reforce o control sobre o lecer nocturno para poñerlle freo. 

A concelleira Silvia Junco falou desta situación a través dun comunicado e anunciou que solicitará que o Goberno local convoque unha reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade para abordala. 

Mentres non se celebra esa reunión, e a modo preventivo, Junco "urxe" reforzar o control do lecer nocturno, cun aumento da iluminación pública e maior presenza policial na rúa. 

Estas medidas son necesarias porque "nos preocupa as imaxes que estamos a ver as fins de semana en Pontevedra, as aglomeracións, os botellóns e as pelexas continuas". Ademais, engade que os veciños lle trasladan esa sensación de inseguridade e que os das rúas Laranxo e Pai Luís xa a denunciaron publicamente.

Nos próximos días, Junco entregará por rexistro un rogo ao propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, solicitando esta reunión, ña que cre que deberían asistir o rexedor; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; e responsables da Policía Local, a Policía Nacional e a Garda Civil

A Xunta Local de Seguridade ten entre os seus labores analizar e valorar a situación da seguridade cidadá no municipio, así como outros problemas que afecten ao normal desenvolvemento da convivencia no termo municipal, por iso é polo que decidiu solicitar que se reúna para abordar a "falta de seguridade" actual

Entre outras cuestións, pide que a Xunta de Seguridade aborde o "aumento de botellóns, con particular atención á zona vella", o "incremento de pelexas tras o peche dos locais de lecer nocturno", os asaltos rexistrados en locais de hostalería e tamén os furtos en vivendas.

O PP non asistiría á sesión, pero si solicitaría posteriormente a acta para coñecer as conclusións e datos do encontro.