O PP amplía a campaña de recollida de sinaturas contra o peche de Raíña Vitoria a novas zonas

Pontevedra
15 de febreiro 2022

Na plataforma Change tamén manteñen a campaña e recolleron 2.220 apoios nunha semana. Este martes van achegarse a Monte Porreiro e nos vindeiros días pedirán rúbricas na rúa Echegaray, A Parda, Mercado de Abastos e na Peregrina. Rafa Domínguez, presidente local del PP, considera que a iniciativa está sendo un éxito ao sumar 4.500 sinaturas

Campaña do PP na plataforma Change.org contra o peche da avenida Raíña Vitoria
Campaña do PP na plataforma Change.org contra o peche da avenida Raíña Vitoria / Change.org

O Partido Popular recolleu 4.500 firmas nunha semana contra o peche ao tráfico rodado da avenida Raíña Vitoria. Unha iniciativa que continuará nos próximos días en distintos puntos e barrios da cidade porque, segundo expón Rafa Domínguez, presidente local do PP, a "moitos cidadáns foilles imposible poder asinar".

Para facilitar o proceso de recollida de apoios, os populares desprazaranse este martes 15 a Monte Porreiro, entre as 17.00 e as 19.00 horas, situándose na rúa Alemaña. Durante o mércores pedirán sinaturas na entrada ao centro de saúde Virxe Peregrina, na rúa Echegaray, entre as 17.00 e as 19.00 horas. Xa o xoves, a campaña desenvolverase na rúa Virxinia Pereira, na Parda, nas proximidades do Conservatorio Manuel Quiroga, a partir das 17.00 horas. O sábado, entre as 11.00 e as 13.00 horas, a petición realizarase no Mercado de Abastos e, por último, durante o sábado 19, instalarase a carpa informativa na praza da Peregrina, entre as 12.00 e as 14.00 horas.

Os representantes do PP tamén teñen previsto percorrer durante esta semana os comercios da contorna de Raíña Vitoria e espazos próximos aos lugares onde se instale a carpa de recollida de sinaturas para facilitar á poboación que amose o seu apoio á campaña.

A campaña tamén continúa a través da plataforma Change.org. Durante sete días recolleron, vía internet, un total de 2.220 rúbricas.

"O peche desta arteria viaria non gusta nin beneficia a ninguén. Trátase dunha cacicada do goberno local que está totalmente desconectado do que a xente de Pontevedra necesita", manifesta Rafa Domínguez ao afirmar que a campaña está a ser un éxito.