Os representantes do PP de Poio na comisión de urbanismo preguntaron este martes ao goberno local sobre a oferta da Confraría San Gregorio de ceder terreo para a creación de prazas de aparcamento no consultorio médico de Raxó.
Esta proposta foi trasladada polo patrón maior ao Concello hai uns meses pero o Concello ainda non habilitou estes espazos de estacionamento para persoal sanitario, persoas con discapacidade ou vehículos de emerxencias.
"A creación de prazas de estacionamento é unha competencia exclusivamente municipal, e todos coñecemos o problema que existe en Raxó e en todo Poio coa falta de estacionamento", explicou Cochón.
Dixo a concelleira do PP que "a iniciativa da confraría parécenos unha mostra de xenerosidade e ademais, moi necesaria, neste momento de crise sanitaria xerada pola Covid, no que todas as medidas que redunden no beneficio do persoal sanitario e os usuarios da sanidade merecen especial atención".
O goberno local dará unha resposta por escrito ás preguntas do PP.