O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, sinalou esta xoves que o novo Plan de Investimentos en equipamentos e infraestruturas da Deputación de Pontevedra ratifica o "fracaso absoluto" do Plan Concellos, e "vén a recoñecer que o orzamento que se destinaba era insuficiente e non representaba as demandas reais dos alcaldes e, en definitiva, dos propios concellos".
Ángel Moldes sinalou que este plan "non ten nada que ver co anterior equipo de goberno", como dixo o deputado socialista, David Regades, respecto á "discriminación con algúns concellos do goberno de Louzán". Para os populares este plan ten que ver co "fracaso" do Plan Concellos, porque "é o primeiro 'exitazo' da historia que vai ter que ser modificado aos poucos meses de poñelo en marcha", apuntou.
Ademais, referiuse a que este plan é para "contentar aos seus alcaldes", xa que, segundo dixo Ángel Moldes, estaban desconformes co Plan Concellos. Por iso, "o bipartito recupera a libre disposición na Deputación de Pontevedra".
"Sabemos que son palabras tabú, que levan un ano falando dela como si fora case ilegal, e agora que teñen que volver a estes convenios dados a dedo, que tanto criticaron, e o fan sen ningún criterio obxectivo", afirmou na rolda de prensa.
Con respecto a este reparto, o voceiro dos populares recordou que os alcaldes levan esperando dous meses a que os reciban, a que o bipartito fale con eles da distribución dos fondos económicos, "e agora o deciden unilateralmente".
Ángel Moldes entende que "cando aprobas un plan, é porque cres nel, porque confías e tes un criterio propio, pero argumentalo en base a concellos que foron discriminados é unha xustificación que non ten peso nin argumento porque cae por si só".
Por iso, puxo como exemplos os concellos de Forcarei e A Lama, gobernados polo PP, e O Porriño e As Neves, que no mandato anterior estaban dirixidos polos populares. "Din que este plan é para beneficiar concellos que foron discriminados, e ao mesmo tempo catro dos oito concellos incluídos están gobernados tradicionalmente polo Partido Popular. Non ten ningún sentido e desmonta toda a súa teoría".