O PP asumirá a moción dos veciños reclamando a reforma integral de Mollabao

Pontevedra
09 de decembro 2018

A formación popular avanzou que asumirá e levará ao pleno municipal a moción presentada polos veciños coa que solicitan o inicio das obras de reforma integral do barrio

Aurora Cañizares e Rafa Domínguez, do PP, en Mollabao
Aurora Cañizares e Rafa Domínguez, do PP, en Mollabao / Mónica Patxot

O Partido Popular recolleu a luva lanzada polos veciños de Mollabao aos partidos que compoñen a corporación municipal e levará ao pleno a moción presentada pola veciñanza na que reclaman o inicio das obras de reforma integral do barrio.

Así o confirmou este domingo o portavoz do PP local, Rafa Domínguez, quen considera necesario que o goberno local "atenda esta demanda histórica".

"Urxe trasladar o modelo urbano aos nosos barrios e por iso comprometémosnos desde un primeiro momento cos veciños de Mollabao a levar este asunto ao Pleno Municipal", argumentou Domínguez.

O PP levará desta forma o texto da moción veciñal á Xunta de Portavoces que se celebrará o vindeiro martes 11 de decembro no Concello de Pontevedra.

"Tras analizar o orzamento municipal para o próximo ano 2019, comprobamos como Lores volve fallar aos veciños de Mollabao", insistiu o representante popular convidando o resto de grupos municipais a sumarse a esta proposta.