O voceiro do grupo municipal do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, volve facer un chamamento ao resto dos grupos que integran a oposición na Corporación para que entre todos se xunten a "falar en serio do PXOM" e forcen que se retome.
O PP recorda, a través dun comunicado, que en xullo Moreira fixo un chamamento ao resto de grupos para poñer en común posturas en temas clave de Pontevedra nos que exista acordo e insisten en que "sen dúbida, a necesidade dun novo PXOM era un deles". Naquel momento, o resto da oposición optou por presentar mocións por separado e o PP opina que así se dispersou a súa eficacia práctica ao admitirse unha emenda do PSOE Na que se solicitaba a creación dunha subcomisión.
O PP decidiu apoiala porque, segundo explican, "a alternativa era non facer nada", pero aseguran que "xa se vía vir que a idea de crear unha subcomisión supoñía complicar o fin da proposta, que non é outro que aprobar un novo PXOM".
Unha vez que o secretario xeral do Pleno ratificou "a inoperancia da idea de crear unha subcomisión por ser unha figura que non está regulada", o PP retoma a idea dunha fronte conxunta en pro do PXOM. Interpreta que os grupos da oposicíon caeron nunha "novatada" e agarda que "aprenderan a lección" e a partires de agora haxa un acordo firme e directo para poñer en marcha o Plan.
O grupo 'popular' engade que a outra parte do acordo da proposta aprobada no pasado mes de xullo respondía a unha emenda do BNG para solicitar propostas aos grupos, unha emenda que, na súa opinión,"non supoñía se non un engano para demorar a posta en marcha do proceso dun PXOM" que saiu adiante grazas á abstención de Ciudadanos.
"Sería bo que o BNG gobernase e traballase nun novo PXOM, en vez de perder o tempo pensando en cómo buscar subterfuxios para obstaculizar a súa posta en marcha. É lamentable que o primeiro anuncio da concelleira de Urbanismo fora que non vai aprobar un novo PXOM, que é tanto como dicir que non vai facer o seu traballo", sinala Moreira ao respecto.