O PP considera "alarmante" e "inaceptable" que ningunha empresa se interesara polo contrato de lixos

Pontevedra
08 de xuño 2023

O Partido Popular propón crear unha mesa de traballo para canalizar a situación que "afecta directamente á calidade de vida dos veciños"

Camión de recollida do lixo
Camión de recollida do lixo / PontevedraViva

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, Pablo Fernández, expresou a súa "profunda preocupación e decepción" pola noticia de que o novo contrato de lixos en Pontevedra quedou deserto. 

Para o edil popular, este feito "é sumamente preocupante", xa que afecta directamente á calidade de vida dos veciños de Pontevedra e "pon en evidencia unha falta de interese por parte do Concello para conseguir que as empresas presten un servizo esencial". 

A recollida e xestión de residuos é unha responsabilidade fundamental de calquera administración municipal, sinalou Fernández, "e resulta inaceptable que non se lograse atraer propostas nun contrato de tal magnitude".

Fernández lembrou que o Concello pagou 66.550 euros á empresa Lagares Oca para guiar ao organismo local no proceso de licitación do novo contrato do lixo. 

O Partido Popular propón crear unha mesa de traballo para canalizar a situación, "xa que é evidente que se fracasou e que as directrices políticas que marcan o prego son inasumibles polas empresas".

Para o concelleiro, "a cidade cada vez está máis sucia". Por iso, Fernández considera que é necesario analizar a fondo as causas que levaron a esta situación e tomar as medidas adecuadas para resolvela. "Non podemos permitir que Pontevedra quede atrasada neste aspecto tan relevante. É fundamental garantir un servizo eficiente e de calidade aos nosos cidadáns", manifestou.