O PP considera "inxustificable" o atraso no traslado do transformador situado no CEIP Barcelos

Pontevedra
30 de xuño 2021

Silvia Junco, concelleira do Partido Popular, insiste en reclamar o traslado desa instalación eléctrica. Xa se solicitara hai un ano no Pleno municipal e a dirección do centro e pais e nais do alumnado reclaman a retirada deste equipamento do recinto escolar

Silvia Junco e Rafa Domínguez, do Partido Popular, xunto ao transformador instalado no CEIP Barcelos
Silvia Junco e Rafa Domínguez, do Partido Popular, xunto ao transformador instalado no CEIP Barcelos /

Silvia Junco, concelleira do Partido Popular, demanda ao Concello de Pontevedra que execute a retirada do transformador que se atopa instalado no colexio de Barcelos. A responsable da área de Benestar Social dos populares lembra que hai un ano se solicitaba no Pleno a axilización dos trámites para retirar este equipamento eléctrico.

Junco afirma que o goberno local non atende unha petición que tamén manifesta a comunidade educativa. A representante do PP forma parte do Consello Escolar do CEIP Barcelos e afirma que o verán é a época perfecta para levar a cabo esta obra ao atoparse o centro educativo pechado permitindo as obras de traslado sen afectar o alumnado.

A concelleira mostra tamén a súa preocupación ao entender que o goberno local non concede "suficiente importancia a unha obra que se relaciona directamente coa seguridade e benestar do propio alumnado. É inxustificable o atraso que acumula este traslado". 

Desde o PP entenden que debería tratarse  dun asunto prioritario para o Concello e afirma que o concelleiro de Educación Tino Fernández manifestou o "total descoñecemento de en que punto se atopa o proceso". Junco lamenta a indiferenza do goberno pontevedrés ante un tema que prexudica ao alumnado do centro.