O PP contradí ao novo goberno da Deputación e asegura que o custo do seu organigrama aumenta "nun 60%"

Pontevedra
25 de xullo 2015

A deputada popular Nidia Arévalo asegura que "o goberno de Carmela Silva custará un 60% máis" que o de Rafael Louzán e considera que a socialista arranca con mal pé ao intentar "enganar á opinión pública" cos datos ofrecidos tras o pleno extraordinario do pasado venres

Pleno organizativo da Deputación
Pleno organizativo da Deputación /

Primeira polémica entre o novo goberno bipartito da Deputación de Pontevedra e o grupo da oposición, ocupado agora na súa maioría por representantes do Partido Popular.

A deputada do PP Nidia Arévalo asegurou nun comunicado que as cifras ofrecidas polo mando da institución provincial tras o pleno extraordinario do pasado venres, en relación ao custo do organigrama da administración, non se corresponden coa realidade.

Segundo Arévalo non se produce un aforro do 45% no gasto, como defende o novo goberno, senón que "o goberno de Carmela Silva custará un 60% máis" que o de Rafael Louzán.

Esta diferenza de criterios radica en que "o goberno provincial só ofrece os datos da parte que lle corresponde ao PSOE, esquecendo que asinaron un pacto de goberno co BNG," advertiu.

A deputada popular, que se compromete a explicar estes datos a próxima semana de xeito detallado, sinala que serán dez e non dous as dedicacións exclusivas do grupo de goberno: unha para a presidenta, outra para un das súas deputadas e oito dedicacións parciais máis, ao que hai que sumar as tres concedidas ao grupo do PP que serán repartidas entre catro dos seus representantes.

Ademais, asegura Arévalo que serán tres os asesores cos que contará o PP, "os mesmos que tiñan o PSOE e o BNG xuntos na oposición".

A voceira do principal grupo da oposición na Deputación explicou ademais que "se ben é certo que os deputados populares lle demos a nosa aprobación durante o pleno a esta nova estrutura, o que non podemos permitir é que se trate de enganar a xente".