O Partido Popular vén de convocar para o próximo domingo, 6 de febreiro, unha manifestación con vehículos que sairá ás 11 da mañá do aparcamento da Seca e percorrerá todas as parroquias do municipio "para dicir 'Basta Xa' a tres alcaldes que son a ruína dos veciños de Poio".
O portavoz do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, anunciou esta mobilización rodada este martes nunha rolda de prensa xunto a outros membros do seu grupo municipal. Segundo afirmou, convócase "en protesta pola irresponsabilidade e as mentiras dun tripartito que só sabe subirlle os impostos aos veciños".
Moldes lamentou que no goberno local "piden préstamos seguido, non porque teñan un proxecto para Poio, senón para vender favores e intentar arañarlle uns votos aos seus socios".
"Queremos que os veciños de Poio paguen uns impostos xustos. Non é normal que noutros veciños teñan mellores servizos e menos impostos", explicou Moldes.