O PP cre que Caballero ratificou a Tino Fernández como fan os equipos de fútbol antes de botar ó adestrador

Pontevedra
21 de abril 2016

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, volveu á carga cos seus comentarios sobre a situación política no concello de Pontevedra

Xuntanza de Abel Caballero e Carmela Silva con Agustín Fernández na sede do PSOE
Xuntanza de Abel Caballero e Carmela Silva con Agustín Fernández na sede do PSOE / PontevedraViva

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, volveu á carga cos seus comentarios sobre a situación política no Concello de Pontevedra.

Neste caso, Moldes referiuse á visita que o alcalde de Vigo, Abel Caballero fixo este mércores á agrupación socialista de Pontevedra onde apoiou a presidencia local de Agustín 'Tino' Fernández. "Facendo símiles futbolísticos, todos sabedes cando confirman a un adestrador o que pasa dúas semanas despois", dixo o portavoz provincial do PP.

Nesta tese que esgrime o portavoz popular tamén contempla unha "cronoloxía" na que o primeiro paso é que con acerto Fernández "lle quiten a presidencia local do PSOE" pero nesta manobra "o que lle pode faiar" ao Partido Socialista é que "por sorte, Tino é unha persoa de forte carácter" e iso supoñerá, segundo Moldes, "que non vai a entregar a súa acta de concelleiro, porque é persoal e non lle poden obrigar a entregala".

"Espero que siga mantendo a autonomía do Partido Socialista en Pontevedra para que non estea tutelado polo Partido Socialista de Vigo", afirmou Ángel Moldes.

Detrás destas manobras atópanse, segundo o Partido Popular, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "e o señor Lores e o señor Mosquera que agora son asesores do Partido Socialista", sostén o deputado Moldes.

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular reiterou as súas declaracións sobre as chamadas de presión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ao "teléfono rojo" de Carmela Silva pola oposición que exercen os socialistas na o goberno da capital. E como "proba" desta acusación sinalou o cambio no voto do PSOE respecto da modificación de crédito aprobada no último pleno.