O PP cre que o entroido de Poio "está a morrer lentamente"

Poio
07 de marzo 2017

O Partido Popular presentará unha proposta ao goberno local de Poio para trasladar o desfile do entroido ao sábado posterior ó que se ven celebrando habitualmente

Desfile de Entroido de Poio 2017
Desfile de Entroido de Poio 2017 / Diego Torrado

O Partido Popular presentará unha proposta ao goberno local de Poio para trasladar o desfile do entroido ao sábado posterior ao que se ven celebrando habitualmente.

Así o comunicou a concelleira popular Nati Torres, que levará este cambio á comisión municipal de Cultura deste mércores, xunto á dotación de tres premios a comparsas "para intentar atraer a grupos de animación de fóra e revitalizar o noso Entroido".

Torres lamentou que o Entroido poiense "está a morrer lentamente", en parte pola coincidencia de datas con outras celebracións, como Marín, e criticou a falta de innovación e ideas do bipartito: "pásanos o mesmo que coa cabalgata de Reis. Non se pode facer o mesmo durante más de 20 anos, sen intentar renovar ou mellorar as cousas, porque a xente cansa e marcha a outros concellos".

Torres recordou que a última modificación ao entroido foi precisamente a instauración dun premio ós grupos de animación a proposta do PP, e lamentou a "desgana do goberno local" por dinamizar esta tradición: "Mentres outros concellos van a máis ou polo menos innovan, o bipartito está deixando morrer o noso Entroido".

Torres apuntou que na edición deste ano o premio para as comparsas de 1.000 euros "que non é pouco", quedou deserto, e só se presentou unha parella infantil: "O desfile de Poio estase a quedar sen participantes e sen público que o mire. Chegou o momento de facer algo".

"Hai que dar alicientes á xente para que participe. Hai que renovarse e non continuar coas ideas de hai 20 anos", explicou Torres, que dixo confiar en que a comisión valorará este traslado: "é unha proposta constructiva e para mellorar e dinamizar as nosas tradicións".