O PP critica a "deriva antisistema" do alcalde Fernández Lores

Pontevedra
11 de decembro 2017

O grupo local do Partido Popular no Concello de Pontevedra anunciou unha emenda á totalidade dos orzamentos municipais presentados polo goberno do BNG para 2018 entre críticas ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa "deriva antisistema"

Grupo municipal do PP de Pontevedra
Grupo municipal do PP de Pontevedra / Mónica Patxot

O grupo local do Partido Popular no Concello de Pontevedra anunciou unha emenda á totalidade dos orzamentos municipais presentados polo goberno do BNG para 2018 entre críticas ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa "deriva antisistema".

Xustifican esta deriva en "renderlle honras no Teatro  Principal a un ditador como Fidel Castro ou asinar no nome de Pontevedra o apoio explícito ao chamado  procés catalán". Ademais, engaden a negativa a mostrar o apoio da cidade ás forzas e corpos de seguridade do Estado "cando máis o necesitaban", ou o recente e "indignante" acto conxunto de dous dos concelleiros do goberno con Arnaldo Otegui.

Nunha comparecencia de prensa os concelleiros populares, César Abal, María José Rodríguez e José Luis Martín sinalaron que os orzamentos do goberno local "falan do pasado", de obras que tiñan proxectos pero non financiamento "froito da descoordinación que imperou neste mandato" que, ao seu xuízo, "estivo centrado en aventuras personalistas" como a compostaxe.

Tamén reprochan na súa emenda o "regresionismo ás políticas caducas" polas críticas do alcalde á Unión Europea cando "usan os fondos comunitarios para esconder a súa nefasta xestión".

Para o PP estas contas "esconden as carencias dun goberno máis centrado na propaganda e en viaxes que en atender as demandas reais dos pontevedreses". Ademais sinalan que o rural pontevedrés sae máis prexudicado que nunca con este orzamento.

Finalmente o PP denuncia "estraños e escuros pactos que se están producindo no eixo da esquerda en Pontevedra" que terían como protagonistas ao Bloque xunto co PSdeG-PSOE e Marea.