O PP de Pontevedra amósase moi crítico coa "inaudita" sesión da Comisión de Infraestruturas celebrada este martes no Concello, na que, segundo aseguran, o goberno non soubo dar resposta sobre o estado de diversos expedientes tramitados. Na súa opinión, é unha sinal máis de que "aumenta a descoordinación do BNG" tras os últimos cambios de goberno.
Ao remate da comisión, o voceiro do PP, Jacobo Moreira, denunciou que os representantes do BNG acoden ás comisións informativas "sen coñecer o estado de tramitación" dos distintos asuntos que o goberno local mantén pendentes. Di que é "unha mostra máis" de que "non saben xestionar" e de que "descoñecen por completo o funcionamento" do Concello de Pontevedra.
En concreto, o PP sinala que solicitaron información sobre o estado no que se atopa a modificación da ordenanza de circulación. A pesar de que a modificación foi ordenada polo Pleno en xaneiro do pasado ano "dela nada se sabe" e no ano 2017 Pontevedra "réxese aínda por unha normativa do século pasado".
Moreira tamén se interesou polo estado da tramitación da normativa que regula o estacionamento en zona de servizos. En agosto do 2016 aprobouse unha moción na que se solicitaba ampliar a 30 minutos o tempo máximo para estacionar nas zonas sinaladas como carga e descarga e servizos e, segundo denuncia, "o único que souberon dicir é que a Policía está estudando o tema, nove meses despois".