O PP critica a imaxe "desoladora" do Mercado por "falta de implicación de BNG e PSOE"

Pontevedra
15 de outubro 2022

A edil do Partido Popular Pepa Pardo critica a imaxe "desoladora" que ten a primeira planta do Mercado de Abastos de Pontevedra. "Son as 14:00 horas e só unha mesa está ocupada e, dos catorce establecementos que abriron (dun total de 30 espazos dispoñibles), só quedan tres funcionando", explica  

Rafa Domínguez e Pepa Pardo no Mercado
Rafa Domínguez e Pepa Pardo no Mercado / Partido Popular

A edil do Partido Popular Pepa Pardo critica a imaxe "desoladora" que ten a primeira planta do Mercado de Abastos de Pontevedra. "Son as 14:00 horas e só unha mesa está ocupada e, dos catorce establecementos que abriron (dun total de 30 espazos dispoñibles), só quedan tres funcionando", explica.

Hai un ano, a concelleira advertiu que o gastroespazo estaba "nas súas horas máis baixas" e presentou un plan para dinamizalo cunha serie de melloras ante a "pésima situación do espazo".

Explica, ademais, que desde o goberno local admitiron no seu momento da necesidade de actuar no Mercado, "pero votaron en contra da proposta do PP. Os socialistas mesmo confirmaron a existencia de reunións con técnicos para analizar as deficiencias da Praza, pero, un ano despois, non se investiu nin un só euro en acometer melloras e non temos constancia de máis reunións", sinala Pardo.

Entre outras cousas, sostén que "a falta de implicación e entendemento do BNG e do PSOE co Mercado "terminou por matar o gastroespazo", o que supón un "desenlace fatal para un sitio único".

Pepa Pardo critica "a pésima xestión do goberno local" xa que se trataba de "un proxecto que arrincou de forma ilusionante pero que o Concello deixou languidecer", entre outras cousas porque o espazo ía usar para eventos, como concertos, pero é algo que "tampouco se levou a cabo".