O PP critica ao goberno tripartito de Ponte Caldelas por renunciar a cinco subvencións da Xunta

Ponte Caldelas
13 de decembro 2018

Os populares cifran en preto de 200.000 euros a cantidade global en investimentos que perderon os veciños do municipio

Pistas de Chan da Barcia
Pistas de Chan da Barcia / PP de Ponte Caldelas

O Partido Popular de Ponte Caldelas denuncia que a "mala xestión" do alcalde Andrés Díaz "provoca que renuncie de xeito sistemático ás subvencións que se lle conceden ao municipio desde a Xunta de Galicia".

Os populares teñen contabilizada unha media ducia de axudas ás que leva renunciado o tripartito, formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG, e á perda de investimentos por valor de preto de 200.000 euros "dos que se ven privados os veciños e veciñas deste concello".

Entre as axudas ás que renunciou o Concello citan a cuberta das pistas polideportivas deChan da Barcia, a mellora e modernización da praza de abastos, a iluminación no Parque Empresarial da Reigosa, as axudas polos incendios ou unha achega destinada á Área Arqueolóxica de Tourón.

Para o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ponte Caldelas, Antón Xil, estos feitos parécenlle "imperdoables" polo que afirma que "non é lóxico que se estea a criticar unha falla de investimentos da Xunta en Ponte Caldelas e ao mesmo tempo se renuncie ás subvencións concedidas das poucas axudas ás que se presenta e se estea buscando sempre o victimismo para xustificar a súa inoperancia".