O PP critica o atraso na construción do parque infantil de Médico Ballina

Pontevedra
18 de febreiro 2017

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra critica o atraso acumulado polo goberno local respecto ao proxectado parque infantil de Médico Ballina, unha obra que "xa figuraba no orzamento de 2016 e non se executará previsiblemente ata o próximo ano", denuncian

César Abal, concelleiro do Partido Popular
César Abal, concelleiro do Partido Popular / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra critica o atraso acumulado polo goberno local respecto ao proxectado parque infantil de Médico Ballina, unha obra que "xa figuraba no orzamento de 2016 e non se executará previsiblemente ata o próximo ano".

Ademais, reprochan que o anuncio do goberno local sobre este parque infantil de Médico Ballina non recolle ningunha das suxestións realizadas polos veciños na asemblea celebrada en novembro de 2015, onde pedían canchas de baloncesto e fútbol.

Para os populares é unha "tomadura de pelo" o anuncio realizado polo concelleiro Luís Bará sobre os parques infantís de Campolongo e Médico Ballina porque non avanzaron "nin un ápice" da súa licitación, polo que ven neste proxecto outra mostra da "parálise" do departamento que encabeza o edil nacionalista.

"Hai uns días anunciaron de novo a reforma do contorno da ponte do Burgo aínda que non teñen o proxecto finalizado, aínda que non incluíron a rúa da Santiña e non realizaron xestión algunha cos propietarios da gasolineira, a pesar de que o propio Bará comprometeuse a isto en agosto de 2016", denunciou o concelleiro popular César Abal.